Saturday 04 de May de 2024

O Goberno local adxudica o servizo de limpeza viaria da cidade por un importe de 14,3 millóns de euros


 

A Xunta de Goberno local acordou a concesión demanial directa e gratuíta da parte do quiosco municipal da praza de Ourense non ocupada polo IMCE á Asociación Down Coruña para poñer en marcha o proxecto “Down Café”

A Xunta de Goberno local adxudicoulle esta mañá o servizo de limpeza varia da cidade á UTE FCC Medio Ambiente SA- Ingeser
Atlántica SA por un importe de 14.383.287 euros anuais (10% de IVE incluído). O
prazo de duración do contrato será de oito anos, improrrogable.
Debido á complexidade do contrato, desígnase como responsable del un equipo
multidisciplinar integrado pola dirección da Área de Medio Ambiente e de Economía
e Facenda con apoio técnico dos servizos de Medio Ambiente e Contratación, que
deberán supervisar e vixiar o cumprimento do contrato.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou excluír do procedemento aberto a UTE
Acciona Servicios Urbanos S. R. L.-Acciona Construcción S.A. por non alcanzar a
mínima puntuación esixida no prego de cláusulas da licitación. O servizo de limpeza
do concello levaba sen contrato desde o ano 2018. O 7 de marzo de 2019
autorizouse o gasto de 14.599.072 euros e a súa contratación.
Un dos cambios neste novo contrato é a obriga da concesionaria de manter un
persoal mínimo de 275 persoas operarias, a maioría delas peóns e condutores, co
fin de cubrir as necesidades do servizo. Deste xeito, o servizo terá un reforzo da
limpeza de pintadas que ten como obxectivo mellorar o aspecto do mobiliario
público danado polo vandalismo.

Nota de Prensa

O novo contrato prevé a incorporación ao servizo de nova maquinaria que mellorará
substancialmente a limpeza nas rúas e a seguridade do persoal traballador que
durante anos denunciou o estado das súas ferramentas de traballo. Así, poñeranse
a traballar 91 novas máquinas, 8 baldeadoras, 17 vehículos auxiliares, nove
fregadoras, 6 varredoras, 2 furgóns hidrolimpadores e un camión aspirador. A esta
nova maquinaria engadiranse 32 aparellos que xa posuía o concello, entre eles 14
vehículos de distinto tipo e 7 varredoras e fregadoras.
Tamén se lle adxudicou á empresa Ferrovial Servicios S.A. o servizo de limpeza dos
Museos Científicos por un importe de 327.639 euros anuais. O prazo de duración do
contrato será de tres anos prorrogables por dous anos máis ata un máximo de
cinco. Autorizouse o gasto de 661.983 euros para a contratación das obras de
estabilización do noiro rochoso na avenida de Arteixo lindeiro co Palacio da Ópera.
O prazo de execución é de seis meses.
Doutra banda, a Xunta de Goberno local acordou a concesión demanial directa e
gratuíta da parte do quiosco municipal da praza de Ourense non ocupada polo
IMCE á Asociación Down Coruña para poñer en marcha o proxecto “Down café” co
obxectivo de impulsar a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional. Así,
varias persoas da asociación formáronse neste tipo de traballos relacionados coa
hostalaría e especialmente en servir e preparar todo tipo de clases de cafés.
A Xunta de Goberno Local tamén acordou esta mañá a contratación do servizo de
xestión da rede municipal de información, orientación, dinamización e asesoramento
á mocidade para o acompañamento no seu desenvolvemento co fin de fomentar a
estabilidade no emprego e a igualdade entre todas as persoas. Deste xeito, a
Concellería de Benestar Social creará unha rede de puntos de información xuvenil e
descentralizará o servizo. Ademais do punto situado desde hai 15 anos no Fórum
Metropolitano sumaranse agora outros dous: un no Centro Ágora e outro nas naves
do Metrosidero. O concello destina a esta iniciativa 352.408,66 euros anuais.

Nota de Prensa

No ámbito das infraestruturas, aprobouse concederlle á empresa Manuel Rivas
Boquete SL unha prórroga do contrato de servizo de mantemento e reparación dos
pavimentos das beirarrúas e áreas peonís, así como do mobiliario urbano na zona
norte da cidade polo prazo dun ano e por un importe de 1.600.000 euros (IVE
incluído), e concederlle outra prórroga por un ano á entidade Equipos de
Señalización y Control S.A. (ESYCSA) para o mantemento e conservación de
túneles na Coruña por un importe máximo de 418.660 euros.
Na sesión desta mañá tamén se ratificou a operación EDUSI denominada
“Remodelación interior e da funcionalidade de mercados municipais e actuacións
nos espazos públicos lindeiros dos mercados municipais dos barrios da cidade”,
operación financiada polo Fondo Europeo Rexional FEDER no marco do eixo 12 do
POPE cun cofinanciamento do FEDER do 80%, paso previo á licitación de obras en
distintos mercados da cidade (Monte Alto, Durmideiras) como aparece recollido nos
orzamentos da cidade. Ademais, a XGL ratificou o proxecto denominado
“Equipamento e xestión de espazos para feiras e venda ambulante”, tamén
cofinanciado con fondos europeos.
A modificación do Plan de comunicación do Proxecto Eidus Coruña tamén recibiu
luz verde. O plan pretende ser un manual e unha guía que marque as liñas xerais do
proxecto Eidus Coruña e sinala de maneira clara e concisa a mensaxe e as accións.
O plan debe difundir a orixe dos fondos e darlle a coñecer á sociedade as
actuacións levadas a cabo en cada proxecto con fondos europeos.
Debido ao cesamento de Beatriz Mato como concelleira da Corporación, deuse luz
verde á modificación do acordo da Xunta do 13 de agosto relativo ao nomeamento
de representantes municipais. Deste xeito, o concelleiro do Partido Popular Martín
Fernández Prado pasa a formar parte do consello de EMALCSA e de EMVSA.